martes, 11 de octubre de 2011

Gobernos versus cidadanía

  
    Foto: Pedro agrelo.
 
As deficiencias do sistema de democracia representativa, que saen á luz cando un día si e outro tamén os que gobernan operan á marxe e mesmo en contra dos desexos da maioría da cidadanía, plásmanse tamén na cooperación ó desenvolvemento. O 70,5 por cento da cidadanía galega avoga por manter (56,4) ou aumentar (14,1) as axudas para cooperación nos actuais tempos de crise, en tanto só un 16,6 por cento apoiaría a redución das axudas a raíz da crise, según un recente estudo sociolóxico elaborado pola Universidade de Santiago para a Administración autonómica. Frente á opinión maioritaría da cidadanía galega, a Xunta, sen embargo, reduciu nos últimos dous anos as axudas a cooperación nun 48 por cento.

O 72 por cento da cidadanía galega considera ademais que Galicia debería cumprir o compromiso de aportar o 0,7 por cento de fondos para cooperación –actualmente a axuda é do 0,06 por cento-; e un 76 por cento das persoas cre tamén que hai que destinar recursos a axuda sen esperar a resolver os problemas dos cidadáns dos países ricos.

¿Como é posible, entón, que a Xunta opere contra o sentir maioritario da poboación? As propias enquisas do estudo dan a resposta. O 85 por cento das persoas declara que non sabe como evolucionaron nos últimos dous anos as axudas a cooperación; un 8,6 por cento cre que se mantiveron inalteradas e só un 6,1 por cento sabe que se reduciron.

Ese descoñecemento das partidas adicadas pola Xunta á cooperación acompáñase dun descoñecemento tamén profundo en torno á propia cooperación ó desenvolvemento da Administración autonómica. Só o 28,9 por cento das persoas enquisadas coñecía que a Xunta adicaba esforzos a cooperación.

Outro dato relevante que interpela ós axentes de cooperación relaciónase coa opinión da cidadanía sobre a eficacia da axuda, xa que dous terzos da poboación galega considera que é pouco (57,4 por cento) ou nada eficaz (10 por cento).

Comunicar a eficacia da axuda ou afondar na mesma constitúe, pois, outro reto para o sector. Se ben, a propia cidadanía apunta que o problema central non é a eficacia da axuda e coas súas opinións, contribúe a centrar o foco do problema. Preguntada polas causas da situación dos países empobrecidos, dous terzos da poboación galega relaciónaa co sistema económico mundial e coa actuación dos países ricos.

Texto: Gonzalo Brocos (Agareso)

No hay comentarios:

Publicar un comentario