martes, 11 de octubre de 2011

As ONGD denuncian os recortes diante do Valedor do Pobo



A Coordinadora Galega de ONGD presentou hoxe publicamente a iniciativa “Contra os recortes: envía a túa queixa ao Valedor do Pobo”, unha campaña aberta ata finais de ano e coa que se están a denunciar os drásticos recortes levados a cabo pola Xunta de Galicia en materia de cooperación. En 2011, o goberno galego reduciu ata un 40% os orzamentos dedicados a loita contra a pobreza incumprindo de xeito fragrante os acordos asumidos ata agora. " Calquera poboación vulnerable agora o é máis que nunca" asegurou hoxe a vicepresidenta da Coordinadora, María Paz, pero “ao longo dos últimos anos estamos asistindo a sucesivos recortes que están a comprometer o traballo das ONGD e o desenvolvemento de moitos homes e mulleres en países empobrecidos".



A iniciativa presentouse coincidindo co primeiro aniversario da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, un documento rubricado polos portavoces dos partidos políticos representados no Parlamento xunto coa Coordinadora e no que se establece a folla de ruta para acadar unha política de cooperación de calidade que, ata agora, non foi executada. É por iso que, para esixir responsabilidades ao executivo galego, xa foron enviadas centeas de queixas ao Valedor do Pobo. “Pero para demostrar que somos moitos e moitas as que estamos a favor da xustiza social, a Coordinadora Galega de ONGD fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que envíe a súa queixa a través da aplicación web que se atopa en www.galiciasolidaria.org”, lembrou Paz.

A presentación da campaña foi a primeira actividade da Semana Galega de Mobilización contra a Pobreza que se celebrará do 11 ao 17 de outubro en distintas vilas e cidades galegas baixo o lema “Esixe Pobreza Cero, a solidariedade non se recorta!”.

Texto: CONGD     Foto  y video: Oscar Dacosta

No hay comentarios:

Publicar un comentario