domingo, 9 de octubre de 2011

Un Ano do Pacto Galego contra a Pobreza
















 Foto: Silvia Muiña 
 
O 16 de outubro de 2010 foi un día histórico para a cooperación galega: os tres voceiros parlamentarios do PPdeG, PSdeG–PSOE e BNG, Manuel Ruiz Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich Cano, respectivamente; e o presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD) naquel momento, Xosé Mª Torres Bouza, asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. O texto do Pacto obriga aos seus asinantes a cumprir unha serie de compromisos políticos, firmes e duradeiros, de loita contra a pobreza e as desigualdades sociais a través do impulso da política galega de cooperación ao desenvolvemento.

A iniciativa do Pacto foi liderada pola Coordinadora Galega de ONGD a través da súa Comisión de Incidencia e o Grupo Pobreza Cero. O texto foi elaborado polas ONGD e o documento definitivo xurdiu do diálogo e a negociación cos tres grupos parlamentarios. Entre outros aspectos, o texto do Pacto compromete ás forzas políticas a “manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) que garanta, que antes do remate do 2017, alomenos o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia estará adicado a esta finalidade.”

Para avaliar o cumprimento destes acordos, debe poñerase en marcha unha Comisión Extraparlamentaria de Seguimento do Pacto que incluirá ás forzas políticas asinantes, unha representación da Coordinadora Galega de ONGD así como “axentes económicos e sociais”. Por outra banda, os acordos comprometidos coa sinatura do Pacto serán os próximos anos a folla de ruta do traballo de incidencia política das ONGD galegas.
Texto: CONGD

100 km Contra a Pobreza













 


Imaxes: Pedro Agrelo,Chus Álvarez, Paco Rodríguez, Silvia Muiña.

Para sensibilizar a sociedade galega da necesidade de esixir a clase política un compromiso na loita contra a pobreza e as desigualdades sociais, ás ONGD galegas percorreron, entre o 11 e o 16 de outubro de 2010, 100 km do Camiño de Santiago baixo o lema «100 km x 1 pacto = Pobreza 0».

Foron seis as etapas percorridas: Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa, O Pedrouzo e Santiago de Compostela. En todos os municipios, membros de distintas ONGD levaron a cabo actividades de sensibilización sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio nos centros educativos e nas prazas dos concellos, recolleron sinaturas a favor do 0,7 e leron o Manifesto contra a Pobreza xunto aos alcaldes e alcaldesas de cada poboación. En total, participaron máis de 500 alumnos/ as de seis escolas e institutos.

O sábado día 16 de outubro de 2010, dúas horas antes da sinatura do Pacto, celebrouse unha Marcha contra a Pobreza que reuniu máis de 150 persoas. Os manifestantes camiñaron dende o Monte de O Gozo ata o Pazo de Fonseca para reclamar a fin das inxustizas sociais. A marcha finalizou no Pazo de Fonseca onde, dúas horas máis tarde, foi asinado o Pacto Galego contra a Pobreza.
Texto: CONGD