martes, 11 de octubre de 2011

Os recortes sen voz nin foto

Os recortes sociais das Administracións, ademais de afectar a campos coma o laboral, a sanidade ou a educación, tamén se levaron por diante en Galicia nos últimos dous anos o 48 por cento das axudas a cooperación para o desenvolvemento. Esa redución da axuda a cooperación deixa a aportación da Xunta no 0,06 por cento do seu presuposto, lonxe do 0,7 por cento ao que se comprometeu a avanzar no Pacto Galego contra a Pobreza, asinado no 2010 polos tres grupos parlamentarios.
Entre os recortes, figura a supresión das axudas a emerxencias humanitarias –como poden ser as de Haití ou Somalia-, inicialmente dotadas de 300.000 euros. Outro dos recortes reduciu case dous millóns de euros en cooperación ó desenvolvemento.
A revisión dos proxectos no exterior que lle foron denegados ás ONG por falta de ornamento no 2010 e no 2011 deixa máis luz que os números sobre as consecuencias da baixada de fondos. “Loita contra a desnutrición crónica infantil en Ventanilla, Perú. Causa da denegación: esgotamento do crédito orzamentario”. “Erradicación do infanticidio feminino en Salem, India. Causa da denegación: esgotamento do crédito orzamentario”. “Mellora da atención sanitaria e reprodutiva en 20 municipios de El Quiché, Guatemala. Non subvencionado por falta de crédito orzamentario”. E así, ata 35 proxectos denegados que procuraban avances na educación e capacitación profesional, na atención sanitaria, na mellora da habitabilidade, no apoio á muller ou no fortalecemento da seguridade alimentaria e do acceso a auga potable.

A excusa da estabilidade presupostaria que plantean os gobernos para explicar estes e outros recortes sociais abre interrogantes sobre que proxectos, onde se gastan os cartos, poden ser máis importantes que os dereitos sociais do conxunto de persoas que habitamos no planeta.

Texto: Gonzalo Brocos (Agareso)





No hay comentarios:

Publicar un comentario