miércoles, 12 de octubre de 2011

Recortes que dan a risa

    Foto: Emerson Díaz.

A Coordinadora Galega de ONG iniciou hoxe unha campaña de teatro de rúa para transmitir, da man do entretemento e da comedia, a difícil situación pola que atravesan os proxectos de cooperación ó desenvolvemento e, en xeral, todas as políticas sociais públicas, afectadas por serios recortes que, por uns minutos, transfórmanse no espectáculo en recortes que dan a risa.

“Recortes en educación, recortes en sanidad, recortes en cooperación –enumeraba hoxe o actor que protagonizou a actuación en Santiago- Con tanto recorte, sólo va a quedar dinero para una cosa”, concluía á vez que botaba man dunha porra e dunha visera de policía, e comezaba a perseguir ós viandantes.

O espectáculo de Santiago, que se desenvolveu no entorno da Catedral, contou con arredor de duascentas persoas entre o público. O acto completouse co reparto de información sobre a campaña ‘Esixe pobreza cero. A solidariedade non se recorta’ e coa recollida de ducias de sinaturas para protestar ante o Valedor do Pobo pola redución de fondos para a cooperación ó desenvolvemento.

Para mañá xoves ás seis da tarde, está previsto un novo espectáculo de teatro de rúa na Praza da Ferrería, en Pontevedra, ás 18 horas.

Texto: Agareso

martes, 11 de octubre de 2011

As ONGD denuncian os recortes diante do Valedor do Pobo



A Coordinadora Galega de ONGD presentou hoxe publicamente a iniciativa “Contra os recortes: envía a túa queixa ao Valedor do Pobo”, unha campaña aberta ata finais de ano e coa que se están a denunciar os drásticos recortes levados a cabo pola Xunta de Galicia en materia de cooperación. En 2011, o goberno galego reduciu ata un 40% os orzamentos dedicados a loita contra a pobreza incumprindo de xeito fragrante os acordos asumidos ata agora. " Calquera poboación vulnerable agora o é máis que nunca" asegurou hoxe a vicepresidenta da Coordinadora, María Paz, pero “ao longo dos últimos anos estamos asistindo a sucesivos recortes que están a comprometer o traballo das ONGD e o desenvolvemento de moitos homes e mulleres en países empobrecidos".



A iniciativa presentouse coincidindo co primeiro aniversario da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, un documento rubricado polos portavoces dos partidos políticos representados no Parlamento xunto coa Coordinadora e no que se establece a folla de ruta para acadar unha política de cooperación de calidade que, ata agora, non foi executada. É por iso que, para esixir responsabilidades ao executivo galego, xa foron enviadas centeas de queixas ao Valedor do Pobo. “Pero para demostrar que somos moitos e moitas as que estamos a favor da xustiza social, a Coordinadora Galega de ONGD fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que envíe a súa queixa a través da aplicación web que se atopa en www.galiciasolidaria.org”, lembrou Paz.

A presentación da campaña foi a primeira actividade da Semana Galega de Mobilización contra a Pobreza que se celebrará do 11 ao 17 de outubro en distintas vilas e cidades galegas baixo o lema “Esixe Pobreza Cero, a solidariedade non se recorta!”.

Texto: CONGD     Foto  y video: Oscar Dacosta

Gobernos versus cidadanía

  
    Foto: Pedro agrelo.
 
As deficiencias do sistema de democracia representativa, que saen á luz cando un día si e outro tamén os que gobernan operan á marxe e mesmo en contra dos desexos da maioría da cidadanía, plásmanse tamén na cooperación ó desenvolvemento. O 70,5 por cento da cidadanía galega avoga por manter (56,4) ou aumentar (14,1) as axudas para cooperación nos actuais tempos de crise, en tanto só un 16,6 por cento apoiaría a redución das axudas a raíz da crise, según un recente estudo sociolóxico elaborado pola Universidade de Santiago para a Administración autonómica. Frente á opinión maioritaría da cidadanía galega, a Xunta, sen embargo, reduciu nos últimos dous anos as axudas a cooperación nun 48 por cento.

O 72 por cento da cidadanía galega considera ademais que Galicia debería cumprir o compromiso de aportar o 0,7 por cento de fondos para cooperación –actualmente a axuda é do 0,06 por cento-; e un 76 por cento das persoas cre tamén que hai que destinar recursos a axuda sen esperar a resolver os problemas dos cidadáns dos países ricos.

¿Como é posible, entón, que a Xunta opere contra o sentir maioritario da poboación? As propias enquisas do estudo dan a resposta. O 85 por cento das persoas declara que non sabe como evolucionaron nos últimos dous anos as axudas a cooperación; un 8,6 por cento cre que se mantiveron inalteradas e só un 6,1 por cento sabe que se reduciron.

Ese descoñecemento das partidas adicadas pola Xunta á cooperación acompáñase dun descoñecemento tamén profundo en torno á propia cooperación ó desenvolvemento da Administración autonómica. Só o 28,9 por cento das persoas enquisadas coñecía que a Xunta adicaba esforzos a cooperación.

Outro dato relevante que interpela ós axentes de cooperación relaciónase coa opinión da cidadanía sobre a eficacia da axuda, xa que dous terzos da poboación galega considera que é pouco (57,4 por cento) ou nada eficaz (10 por cento).

Comunicar a eficacia da axuda ou afondar na mesma constitúe, pois, outro reto para o sector. Se ben, a propia cidadanía apunta que o problema central non é a eficacia da axuda e coas súas opinións, contribúe a centrar o foco do problema. Preguntada polas causas da situación dos países empobrecidos, dous terzos da poboación galega relaciónaa co sistema económico mundial e coa actuación dos países ricos.

Texto: Gonzalo Brocos (Agareso)

Os recortes sen voz nin foto

Os recortes sociais das Administracións, ademais de afectar a campos coma o laboral, a sanidade ou a educación, tamén se levaron por diante en Galicia nos últimos dous anos o 48 por cento das axudas a cooperación para o desenvolvemento. Esa redución da axuda a cooperación deixa a aportación da Xunta no 0,06 por cento do seu presuposto, lonxe do 0,7 por cento ao que se comprometeu a avanzar no Pacto Galego contra a Pobreza, asinado no 2010 polos tres grupos parlamentarios.
Entre os recortes, figura a supresión das axudas a emerxencias humanitarias –como poden ser as de Haití ou Somalia-, inicialmente dotadas de 300.000 euros. Outro dos recortes reduciu case dous millóns de euros en cooperación ó desenvolvemento.
A revisión dos proxectos no exterior que lle foron denegados ás ONG por falta de ornamento no 2010 e no 2011 deixa máis luz que os números sobre as consecuencias da baixada de fondos. “Loita contra a desnutrición crónica infantil en Ventanilla, Perú. Causa da denegación: esgotamento do crédito orzamentario”. “Erradicación do infanticidio feminino en Salem, India. Causa da denegación: esgotamento do crédito orzamentario”. “Mellora da atención sanitaria e reprodutiva en 20 municipios de El Quiché, Guatemala. Non subvencionado por falta de crédito orzamentario”. E así, ata 35 proxectos denegados que procuraban avances na educación e capacitación profesional, na atención sanitaria, na mellora da habitabilidade, no apoio á muller ou no fortalecemento da seguridade alimentaria e do acceso a auga potable.

A excusa da estabilidade presupostaria que plantean os gobernos para explicar estes e outros recortes sociais abre interrogantes sobre que proxectos, onde se gastan os cartos, poden ser máis importantes que os dereitos sociais do conxunto de persoas que habitamos no planeta.

Texto: Gonzalo Brocos (Agareso)





domingo, 9 de octubre de 2011

Un Ano do Pacto Galego contra a Pobreza
















 Foto: Silvia Muiña 
 
O 16 de outubro de 2010 foi un día histórico para a cooperación galega: os tres voceiros parlamentarios do PPdeG, PSdeG–PSOE e BNG, Manuel Ruiz Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich Cano, respectivamente; e o presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD) naquel momento, Xosé Mª Torres Bouza, asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. O texto do Pacto obriga aos seus asinantes a cumprir unha serie de compromisos políticos, firmes e duradeiros, de loita contra a pobreza e as desigualdades sociais a través do impulso da política galega de cooperación ao desenvolvemento.

A iniciativa do Pacto foi liderada pola Coordinadora Galega de ONGD a través da súa Comisión de Incidencia e o Grupo Pobreza Cero. O texto foi elaborado polas ONGD e o documento definitivo xurdiu do diálogo e a negociación cos tres grupos parlamentarios. Entre outros aspectos, o texto do Pacto compromete ás forzas políticas a “manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) que garanta, que antes do remate do 2017, alomenos o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia estará adicado a esta finalidade.”

Para avaliar o cumprimento destes acordos, debe poñerase en marcha unha Comisión Extraparlamentaria de Seguimento do Pacto que incluirá ás forzas políticas asinantes, unha representación da Coordinadora Galega de ONGD así como “axentes económicos e sociais”. Por outra banda, os acordos comprometidos coa sinatura do Pacto serán os próximos anos a folla de ruta do traballo de incidencia política das ONGD galegas.
Texto: CONGD

100 km Contra a Pobreza













 


Imaxes: Pedro Agrelo,Chus Álvarez, Paco Rodríguez, Silvia Muiña.

Para sensibilizar a sociedade galega da necesidade de esixir a clase política un compromiso na loita contra a pobreza e as desigualdades sociais, ás ONGD galegas percorreron, entre o 11 e o 16 de outubro de 2010, 100 km do Camiño de Santiago baixo o lema «100 km x 1 pacto = Pobreza 0».

Foron seis as etapas percorridas: Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa, O Pedrouzo e Santiago de Compostela. En todos os municipios, membros de distintas ONGD levaron a cabo actividades de sensibilización sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio nos centros educativos e nas prazas dos concellos, recolleron sinaturas a favor do 0,7 e leron o Manifesto contra a Pobreza xunto aos alcaldes e alcaldesas de cada poboación. En total, participaron máis de 500 alumnos/ as de seis escolas e institutos.

O sábado día 16 de outubro de 2010, dúas horas antes da sinatura do Pacto, celebrouse unha Marcha contra a Pobreza que reuniu máis de 150 persoas. Os manifestantes camiñaron dende o Monte de O Gozo ata o Pazo de Fonseca para reclamar a fin das inxustizas sociais. A marcha finalizou no Pazo de Fonseca onde, dúas horas máis tarde, foi asinado o Pacto Galego contra a Pobreza.
Texto: CONGD